O 31 de maio realizamos a última acción do ENDL do CIFP A Farixa: unha viaxe ao Porto, como complemento a unha palestra sobre lusofonía que previamente tiveramos no centro. Se o peche foi ao grande, non lle desmerece nada o comezo: a estrea de dúas curtametraxes producidas polo noso alumnado e a preparción doutras dúas novas para o curso presente. Aquí vos expomos un resumo do que foron as principais acción normalizadoras levadas a cabo no noso centro.
1.- PROXECTOS PLURIANUAIS
1.1- Curtametraxes. O primeiro dos proxectos que describimos é, sen dúbida, o “estrela”: o cinema.Como salientabamos no proxecto lingüístico, o ENDL vaise volcar especialmente coa rodaxe de dúas novoas curtametraxes planificadas para este ano. A razón é sinxela: é a acción na que participa maior número de alumnado e, inclusive, persoal de fóra do instituto; é a acción que profesorado, persoal non docente e pais/nais acollen con maior receptividade e, sobre todo, é a acción máis visible, con máis repercusión dentro e fóra do centro. O ENDL xa apostou no curso anterior polo potenciamento desta actividade e o resultado foi excelente. O 22 de xaneiro de 2010 o alumnado do CIFP A Farixa estreou, por todo o alto, as dúas curtametraxes rodadeas no 2008-09: Zéfiro e Instalación (xuntamos copias). Este primeiro pase fíxose no Auditorio Provincial (co obxectivo de darlle maior repercusión), con invitación a alumnado, profesorado, persoal non docente, familias, centros educativos da provivincia e público en xeral. Fixéronse trípticos para publicitalo e darlle o maior bombo posible, así como cuñas na radio e notas de prensa. A gala foi presentada por Alberte Cabarcos e contou tamén coa actuación musical de Yomelo Montesolo. O éxito foi impresionante e o Auditorio encheu. A prensa escrita deu conta deste éxito. A partir daí, as curtametraxes comezaron a súa viaxe polos festivais deste xénero e, de novo, tódalas expectativas se viron superadas: Instalación, unha das curtas, acadou o premio do público no Festival de Cans, polo que entrou na preselección para os Goya, co que implica que a nosa curtametraxe será vista polo xurado do prestixioso galardón. Instalación tamén gañou o premio do público e o premio á mellor actriz (Mónica García) no festival de curtas de Sada. E aí continuamos!
ORZAMENTO EXTERNO.
Ao mesmo tempo que celebramos os éxitos de Instalación, o noso alumnado xa se puxo a traballar na preparación das próximas curtametraxes: Tourette e Cartóns, dirixidas por Xosé Holgado e Martín Fiallega, respectivamente. Comezou así un novo ciclo desde e propio casting de guións, casting de actores e actrices (no que participa unha grande parte do noso alumnado), búsqueda de colaboracións, financiación, etc. O ENDL, como non podía ser doutro xeito, apoiou decididamente este novo traballo, moi duro pero tamén moi reconfortante. Os 1355 € cos que o equipo de normalización pon o seu selo nestas producións galegas foron destinadso a alugar furgóns para transporte de materiais, alugar guindastres para cámaras, transportar estes guindastes, etc. (xuntamos facturas). A cantidade é insignificante no total do financiamento, mais, aportamos o noso gran de area!
A prensa escrita xa empezou a dar conta destes novos traballos; así, en La voz de Galicia do día aparecía a nova da finalización da rodaxe do documental sobre a síndrome Tourette.
ORZAMENTO TOTAL: 1355 €
Dado o carácter plurianual destas accións, xa se adianta a continuidade deste documental no curso vindeiro a través da curta Cartóns, que tratará o tema do tabaquismo. O ENDL aí estará de novo.
1.2.- Páxina web. Dentro do grande proxecto das curtametraxes e tamén de carácter plurianual é o mantemento da nosa páxina de audiovisuais: www.farixaaudiovisual.es Aquí o alumnado do ciclo de produción dá conta de tódalas novas relacionadas co audiovisual: éxitos acadados, presentación de curtas, rodaxe de novos proxectos, charlas, obradoiros, etc. Tras unha campaña publicitaria converteuse nunha ventá extraordinaria para toda a comunidade educativa e tamén para o exterior. A xestión é excelente e os obxectivos perseguidos á hora de creala vense cumpridos.
ORZAMENTO MANTEMENTO: 0 €
ORZAMENTO PUBLICIDADE (fotocopias) : 25 €
1.3.- Blog. Co obxectivo de achegar o galego ás novas tecnoloxías e contar cun órgano de expresión do centro en galego, continuamos mantendo este curso o noso blog DE PALIQUE (normalizacionfarixa@wordpress.es ) Tentamos darlle unha nova orientación e quixemos que fose o propio alumnado o que o xestionase. Nomeamos dous encargados e fixemos unha presentación en público. Nun primeiro momento reinou o entusiasmo (mudáronlle o aspecto do blog, meteron varias entradas…) pero de seguido puido a deixadez e os resultados non foron os esperados. Para o próximo curso tentaremos darlle unha pensada no tocante á xestión.
ORZAMENTO MANTEMENTO: 0 €
1.4.- Radio on line. O galego e as novas tecnoloxías, neste caso ligadas coa comunicación oral, seguen unidas no CIFP A Farixa. Na radio do noso centro, Canle Catro Radio, podemos escoitar máis de quince programas de música confeccionados polo noso alumnado, ou programas de cinema (Crónica de butacas, Último pase,…), ou inclusive entrevistas a mozos e mozas ourensáns/ás con talento. Todos estes programas podémolos escoitar a través de www.goear.com e moi pronto terán un enlace para poder acceder a eles desde a nosa páxina de audiovisuais: www.farixaaudiovisual.es .Unha campaña potente no CIFP fixo que toda a comunidade tivese a curiosidade de entrar na páxina a escoitalo.
ORZAMENTO CONFECCIÓN DE CONTIDOS: 0 €
ORZAMENTO PUBLICIDADE (fotocopias): 25 €
1.5.- Taboleiro Novas da Lingua. No centro conservamos, un ano máis, o taboleiro “Novas da lingua”. Este ano, tan movido en cuestións de lingua, estivo saturado coa cantidade de información que tódalas semanas se colgaba. É un espazo aberto para todos e todas.
ORZAMENTO FOTOCOPIAS : 30 €
1.6.- Letras Galegas 2010. O autor homenaxeado este ano nas letras galegas foi Uxío Novoneyra, polo que as actividades programadas xiraron arredor da súa persoa.
Coñecer a Novoneyra. Na entrada do centro, así como nos corredores e escaleiras, colocamos cartelería na que se explicaba a vida e sobre todo, obra do autor. Traballamos con material moi visual e de fácil lectura. Complementando esta información, tamén na biblioteca se fixo unha pequeniña exposición bibliográfica, tentando cada día resaltar un dos poemas de Novoneyra. Nun atril e escrito cun tamaño de letra grande fomos, durante a semana anterior ás letras e a semana propia, colocando unha selección de poemas que o alumnado podía ler fácil e rapidamente.
ORZAMENTO FOTOCOPIAS. 10 €
Concurso literario. Tódolos anos se convoca o concurso literario. As bases colgámolas a comezos de maio e nelas explicitábanse as tres convocatorias: unha de relato curto (máximo 10 follas), outra de teatro e unha terceira modalidade de poesía. A temática é libre. Dado que esta festividade cae na segunda quincena de maio e o noso centro ten un carácter moi especial (pouquísimo alumnado nestes dous últimos meses do ano), o concurso resultou deserto.
ORZAMENTO : 0 €
Viaxe ao Courel. Esta saída mudámola por outra ao Porto. Ver motivacións na descrición do terceiro punto da memoria: Saídas didácticas.
ORZAMENTO: 0 €
PROXECTOS NOVOS
Levamos a cabo est curso actividades de participación colectiva, aínda que, cómpre sinalar para ser honestos, que a implicación de pais e nais (que é fundamentalmente a que buscabamos), foi mínima. A través do alumnado mandamos á casa información sobre a actividade, así como unha petición de implicación na mesma. Non máis de dúas nais asistiron ao seguintes actos:
2.1.- Internet e a nosa lingua. Dada a importancia que as Tics teñen actualmente na nosa sociedade, planificamos para este curso unha charla-coloquio que ligase as novas tecnoloxías coa nosa lingua. Francisco Javier Fernández López, técnico informático no Concello de Allariz, foi o encargado de facernos ver a utilidade do galego na internet. De forma teórico-práctica deunos a coñecer un sen fin de páxinas, xogos, programas, tradutores, correctores… na nosa lingua. Nunha segunda parte da charla e a través dun exemplo concreto, a rodaxe da teleserie “A cobiza dos Souto”, proxecto que el pilota , deixou en evidencia que o galego non é ningún atranco para saír fóra da nosa comunidade e, inclusive, fóra do noso país. Fixo reflexionar así ao noso alumnado sobre unha cuestión tan crucial e abriu un debate que foi moi fructífero e o que nos vimos obrigados a continuar nas aulas.
A charla programámola un luns pola tarde (22.febreiro.2010) para facilitar a asistencia de pais e nais, aínda que, como xa sinalamos, a resposta non foi a esperada.
ORZAMENTO PONENTE: 150 €
ORZAMENTO PUBLICIDADE (fotocopias domicilio): 10 €
2.2- O galego no mundo da lusofonía. Nesta ocasión o ENDL contactou cun dos grandes estudosos da lusofonía deste país: Valentim Fagim, presidente da Associaçon Galega da Lingua (AGAL). Usando as artes de ex-docente, Fagim, dunha forma moi didáctica, mostrou a “utilidade” que os galegos podemos tirar do portugués. Fíxoo a través dunha presentación, con datos que deixaron ao noso alumnado coa boca aberta; tamén houbo música portuguesa e exercicios nos que os nosos mozos e mozas tiveron que colaborar. A segunda parte da palestra fíxoa en portugués, algo que, sorprendentemente, agradou ao noso alumnado. O momento triste foi cando preguntou cantos rapaces e rapazas estiveran en Portugal (queda a menos dunha hora de Ourense) e só levantaron a man tres alumnas. O ENDL tomou nota e púxose a traballar para subsanar esta eiva.
Polo demais, a charla foi moi interesante e o éxito estivo, cremos, na elección do ponente. A páxina web da AGAL fixo unha recensión sobre esta palestra.
Programámola para un luns pola tarde (12. abril. 2010) para facilitar a asistencia de pais e nais pero, de novo, só asistiron dúas persoas.
ORZAMENTO PONENTE: 150 €
ORZAMENTO PUBLICIDADE (fotocopias domicilio): 10 €
2.3- Campaña publicitaria do ENDL. Co obxectivo de priorizar aquelas accións máis visibles, pedimos a colaboración do Departamento de Tecnoloxía (Informática) do CIFP A Farixa para que nos axudasen a confeccionar un tríptico con información sobre o valor das linguas, así como con información sobre o propio ENDL. Os gastos de imprenta foron elevados, pero buscabamos algo vistoso e con calidade, e a impresión no instituto non reunía estas condicións. Ao ver o resultado cremos que mereceu a pena a inversión. É preciso levar campañas así para facer visible o propio equipo e tentar implicar os pais e nais do noso alumnado, tarefa que habitualmente custa moitísimo.
ORZAMENTO IMPRESIÓN: 212 €
SAÍDAS DO CENTRO
3.1- Asistencia ao teatro. Calquera actividade cultural na nosa lingua que axude a darlle normalidade é obxectivo do ENDL. Neste caso falmos do teatro. En outubro tivemos a oportunidade de levar ao alumnado a ver a obra mestra A Esmorga, representada por Sarabela Teatro. Buscamos financiación externa para pagar o autobús ata o Auditorio e acercamos ao alumnado de BAC, PCPI e Turismo.
ORZAMENTO EXTERNO.
3.2- Asistencia a musicais. No mes de novembro estivo no Auditorio Provincial da nosa cidade o musical Glass City. Cidade de Cristal, ambientado na época da posguerra na Coruña, cando o xeneral Franco, a súa esposa e unha chea de ministros pasaban as vacacións de verán alí. Pedímoslle ao departamento de Historia que nas súas aulas (aínda que facendo un salto na programación), vira a época da guerra e posguerra española, para que así pudiesen relacionar os seus coñecementos cos contidos do musical. O alumnado que levamos foi o de PCPI, BAC e Turismo. A entrada foi de balde e para pagar o autobús buscamos financiamento externo.
ORZAMENTO EXTERNO.
3.3- Viaxe ao Porto. No noso proxecto lingüístico planificaramos unha viaxe ao Courel co gallo do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2010: Uxío Novoneyra. Ante a preocupante evidencia de que o noso alumnado, na súa maioría, nunca viaxara a Portugal e tendo en conta o entusiasmo que suscitou a charla sobre a lusofonía, o ENDL reuniuse e acordou, dada a imposibilidade de realizar dúas excursións por motivo de finanaciamento, premiar aos nosos colaboradores-normalizadores do centro cunha viaxe ao Porto. Esta saída é, polo tanto, un complemento da palestra que no centro tivemos sobre a lusofonía. Quixemos que tivesen un contacto directo con Portugal e co portugués, que lle axudase a eliminar vellos prexuízos que aínda subsisten no alumnado. Para iso o ENDL pediu a colaboración do alumnado de Turismo para contactar cunha empresa que vendese paquetes turísticos alí. Demos con ela e pedímoslle un “Porto Walking Tour”, catro horas de camiñata pola cidade cunha guía portuguesa que nos achegou parte da historia e da cultura da cidade, así como a lingua propia de Portugal. Foi cansado pero moi gratificante e o ENDL correu cos gastos do transporte e guía. Pola tarde realizamos un paseo en barco polo Douro, para o cal buscamos financiación externa.
Esta viaxe realizámola o 31 de maio e asistiron os once alumnos e alumnas que habitualmente se implican en tódalas actividades normalizadoras do centro, acompañados/as por dúas profesoras do propio ENDL- É unha actividade moi recomendada.
ORZAMENTO AUTOBÚS: 350 €
ORZAMENTO VISITA GUIADA: 190 €
Aquí tedes fotos de diferentes momentos descritos anteriormente:













C.I.F.P. A Farixa